ALGO DE VOCES CEIBES (XERARDO MOSCOSO)
Sen ánimo de que esta homenaxe musical teña continuidade en posteriores entregas, e sen intención de facerlle a competencia ao gran Regueifeiro, quero falar hoxe de Xerardo Moscoso, cantautor, integrante de Voces Ceibes, e na miña opinión quizais o artista con meirande talento daquel grupo. As súas composicións ían máis aló das simples e monótonas cancións de autor, influídas especialmente por Brassens, e nas que a música era o que menos importaba. Nas pezas de Moscoso advírtense influencias e elementos pop, retrousos brillantes e luminosos e unha decidida preocupación pola instrumentación.
Xerardo Moscoso naceu en México en 1945, fillo de emigrantes galegos, e veu a Compostela para estudiar Medicina, acadando o título de médico xinecólogo, profesión que compaxina coa súa carreira musical. Actualmente vive en México, onde exerce a súa actividade profesional. Casualidades que suceden, eu tiña preparado este post dende había dous días, e hoxe pola mañá atópome con que LaVoz dedícalle un perfil a Moscoso. Recomendo lelo, igualmente, pois relata as dúas veces que tivo que se exiliar, primeiro no franquismo e despois nos primeiros tempos da Transición, así coma a súa experiencia no cinema.
Voces Ceibes foi un colectivo musical galego, que tivo a súa orixe nun recital de música galega organizado na Facultade de Medicina da USC o 26 de abril 1968 á que acudiron 2000 persoas e no que participaron Benedicto coas cancións Eu son a voz do pobo, Un home, Loitemos e Carta a Fuco Buxán; Xavier con Monólogo do vello traballador, María Soliña, Romance incompleto e Longa noite de pedra; Guillermo Rojo con Quen tivera vinte anos, Tirade ao chan os fusiles, A vós irmáns, Señor, eu fun poeta; Xerardo Moscoso con Deuda cumprida e Réquiem Nº II e Vicente Araguas con Comunión, A cea e Eles non sabían cantar. En xuño chegouse a un acordo con Edigsa de Barcelona para publicar o primeiro disco de cada un dos catro compoñente, en outono realizouse a gravación en Barcelona, no nadal realizáronse actuacións en varias localidades galegas ata que o 25 de xaneiro de 1969 o goberno declarou o estado de excepción que supuxo a paralización dos recitais. En 1969 actuaron en París, xa con Miro Casabella. En 1970 Xavier deixa Voces Ceibes e entra Xaime Manuel Barreiro, Benedicto marchara á mili, e Guillermo Rojo acaba deixando tamén o colectivo. No nadal de 1970 entra durante breve tempo Tino Álvarez. Na primavera de 1971 marchou Miro Casabella e entraron Suso Vaamonde e Bibiano. As pelexas internas que xa levaban tempo furando no colectivo fan que o grupo desapareza no nadal de 1974.
Deixo aquí media ducia de cancións de Xerardo Moscoso, descargables e con vontade de ser difundidas:
As augas das fontes
Poema de emerxencia para Antonio Machado
Soio de saxofón
Acouga
Deuda cumprida
Primaveira no ar
Requiem II
Máis información sobre Voces Ceibes nestes links (especialmente recomendables os de ghastaspista):
http://www.ghastaspista.com/historia/voces.php
http://www.ghastaspista.com/historia/nova.php
http://www.guinarte.org/Ampliaciones%20y%20miniaturas%20Caps/Cap%209/cancion_galega.htm
http://www.agapea.com/Voces-ceibes-n19252i60ccc55a3ca382804a33b3ea90270d21.htm
http://www.blogoteca.com/desons/index.php?cod=662


1 Response to ALGO DE VOCES CEIBES (XERARDO MOSCOSO)
Boísimo!
Something to say?